COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

"MENOS RELATO E MÁIS COMPROMISO CO SECTOR PRIMARIO"

O sector primario, a situación do medio rural e o futuro da produción agroalimentaria centraron boa parte da entrevista emitida este martes en Radiovoz coa participación de Manuel Rojo, expresidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense, e Pepe Paz, novo presidente da entidade.

Durante a conversa, ambos advertiron das dificultades ás que se enfrontan agricultores e gandeiros, especialmente pola acumulación de normativas, a falta de igualdade de condicións cos produtos importados e a sensación de abandono por parte das administracións.

Pepe Paz foi especialmente crítico coa aplicación de acordos comerciais como o de Mercosur, que, ao seu xuízo, exemplifican unha globalización mal entendida: «Non é lóxico que entren produtos nos nosos mercados sen cumprir os mínimos que a nós nos esixen». O novo presidente lembrou que o sector agroalimentario é estratéxico e que debería ser tratado como tal pola Unión Europea e polos estados membros.

Nesa mesma liña, Manuel Rojo alertou do risco de desmantelar o sector primario sen ter en conta as súas consecuencias a medio e longo prazo: «A produción agroalimentaria non se pode apagar e volver acender en dous días; a natureza ten os seus ritmos». Ambos coincidiron en sinalar que unha crise ou un conflito internacional podería evidenciar a dependencia exterior en materia alimentaria.

Outro dos puntos destacados foi a carga normativa que soportan os produtores. Paz afirmou que agricultores e gandeiros asumiron a necesidade de garantir alimentos seguros, pero cuestionou os procedementos: «Pasamos de producir alimentos a converter aos profesionais en burócratas». Pola súa banda, Rojo engadiu que moitas decisións macroeconómicas se toman sen contar coa realidade do día a día no campo.

Sobre as recentes mobilizacións agrarias, os dous representantes amosáronse comprensivos co malestar do sector. «É normal que o agricultor estea enfadado cando se lle esixen moitas cousas e despois compite con produtos sen esas obrigas», sinalou Rojo, lembrando o papel dos enxeñeiros agrícolas como asesores técnicos ao lado das explotacións.

Ambos coincidiron tamén en que existe un exceso de discurso político sobre o apoio ao rural, pero poucos avances concretos. Paz foi claro: «Hai moito relato e pouca acción. O rural é unha minoría esencial, pero segue sendo minoría». Rojo, pola súa banda, reclamou escoitar máis aos profesionais: «Hai que atender aos agricultores, gandeiros e técnicos que están a pé de obra».

A entrevista serviu tamén para presentar o relevo institucional no Colexio , tras as eleccións celebradas en decembro. Manuel Rojo pecha oito anos á fronte da entidade cun balance positivo, mentres que Pepe Paz inicia unha nova etapa cunha Xunta de Goberno continuísta, baseada no traballo en equipo e na defensa do colectivo profesional, mantendo como prioridade a colaboración co medio rural.

¿Necesitas un colexiado para o teu proxecto ?

Actualidade

José Paz Paz, novo presidente do Colexio

O pasado 20 de decembro, os colegiados do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense participaron nunha xornada histórica para a institución, na que se renovou a Xunta de Goberno e se abriu un novo capítulo no futuro do Colexio. A mañá comezou no Salón

Ler máis »

Lucas, O enxeñeiro que está a impulsar o Porco Celta

Un dos grandes proxectos de recuperación e valorización do Porco Celta ten rostro propio: o do noso colexiado Lucas Cabanelas, enxeñeiro agrícola. Diante da prensa especializada chegada de fóra de Galicia, Lucas fixo visible o traballo humilde, rigoroso e apaixonado que moitos esquecen: criar porcos

Ler máis »