En Voces de Ourense escoitouse unha voz que falaba coa emoción de quen pisa terra con orgullo e coa seguridade técnica de quen entende o campo desde dentro. É a voz de Natalia Gallego Dacosta, enxeñeira agrícola, agricultora, formadora e emprendedora, unha muller que decidiu “pechar o círculo” e converter o seu coñecemento técnico e a súa experiencia vital nun proxecto que reivindica o valor do rural e do produto fresco.
A súa historia non naceu dun camiño fácil. “A vida levóume á enxeñaría, aínda que meus pais querían que fose sanitaria”, lembraba entre risas. Aquela elección, máis intuitiva que planificada, acabou converténdose nunha forma de vida. Traballou durante anos na formación profesional, en proxectos de emprego e cursos de agricultura ecolóxica e xardinaría. Mais, entre aulas e proxectos, sempre quedou unha débeda coa súa propia vocación: cultivar, producir e demostrar que outra agricultura é posible.
Foi durante a pandemia cando tivo o tempo e o silencio necesarios para dar o paso decisivo. “Levaba anos facendo autoconsumo, pero sentín que era o momento de producir en fresco e explicar ao mundo todas as dificultades que temos os pequenos labregos”. Así naceu o seu proxecto de venta directa de produto fresco, un pequeno espazo de horta e viña ao que lle dedica tardes, fins de semana e vacacións: horas roubadas ao descanso pero entregadas ao futuro do rural.
Unha enxeñeira que enseña tocando terra
Porque Natalia non só produce: forma. E forma dende a realidade. No Centro Integral de FP Santa María de Europa, en Ourense, guía a novos profesionais que buscan dedicarse á xardinaría ou á agricultura ecolóxica. “As destrezas non se adquiren só mirando: hai que executalas”, reivindica.
A súa metodoloxía combina teoría e práctica, ciencia e corazón. A mesma fórmula coa que ela mesma vive a agricultura: entendendo o solo, respectando os ecosistemas e valorando o patrimonio agrícola que tantos abandonaron.
A estación de Cantoña: recuperar espazos, recuperar identidade
Un dos proxectos que máis emoción lle produce é a recuperación da antiga estación de tren de Cantoña, un espazo que a Deputación rehabilitou e que hoxe acolle iniciativas de transformación agroalimentaria. Para Natalia, que forma parte da asociación de produtores que traballan alí, é unha peza clave: un lugar onde completar o ciclo, desde a horta ata o produto elaborado.
Deste espazo saíron as súas primeiras creacións: mermelada de uva, zume de uva con mazá, e outras propostas nascidas do seu viñedo familiar na Ribeira Sacra. Un territorio duro, de bancais imposibles e cepas de máis de 80 anos, que tamén forma parte da súa historia persoal: “Enamoreime do meu home… e da súa viña”, confesou entre risas e sentimento.
O abandono do rural, unha dor e unha oportunidade
No seu discurso hai orgullo, pero tamén preocupación. “O abandono do rural é unha mágoa enorme. Todo iso xera lume, desestruturación, perda de ecosistema”. Ela mesma leva anos recuperando fincas que os veciños deixaron atrás: un traballo silencioso que sostén a paisaxe e evita o deterioro do territorio.
Ao mesmo tempo, é consciente da precariedade que viven moitos pequenos viticultores: “O prezo que se paga pola uva non chega nin para un xantar o día da vendima”. Por iso insiste en pechar o ciclo, en transformar, elaborar e comercializar: non só producir, senón dar valor real ao que sae da terra.
Un viño que está por chegar e moito futuro por diante
A última vendima foi excelente, e o resultado chegará en forma de viño o ano próximo: Amaro, unha creación que leva dentro a identidade dun territorio e o esforzo dunha familia.
E mentres tanto, Natalia continúa, coa mesma forza e ilusión, traballando pola terra, polos seus alumnos, polos produtores que a acompañan en Cantoña… e polo futuro dun rural que só sobrevivirá se hai persoas coma ela: con ciencia, con experiencia e, sobre todo, con amor á terra.