COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Manuel Rojo: “Un territorio ben xestionado é a mellor barreira contra os incendios”

O noso presidente, Manuel Rojo, foi protagonista dunha recente entrevista publicada en La Voz de Galicia, na que puxo en valor o papel fundamental que desempeñan os profesionais do sector tanto na prevención dos incendios forestais como na recuperación dos terreos afectados.

Rojo lembrou que un territorio vivo, traballado e correctamente xestionado é a mellor defensa fronte ao lume. Nese sentido, subliñou que a xestión agraria, o aproveitamento gandeiro e o mantemento das parcelas son ferramentas esenciais para frear o avance dos incendios e contribuír á recuperación do monte tras episodios de grandes queimadas.

Así mesmo, destacou que a labor dos enxeñeiros agrícolas non se limita ao ámbito rural, senón que tamén ten unha presenza relevante nos espazos urbanos, mediante a planificación e xestión de zonas verdes, proxectos paisaxísticos e actuacións orientadas á creación de contornos máis sostibles, seguros e eficientes.

Tras oito anos á fronte da entidade, Manuel Rojo encara a súa despedida como presidente, deixando un colexio forte, con proxectos en marcha e unha base consolidada para seguir avanzando. O Colexio agradece o seu compromiso e o labor desenvolvido durante este período, en favor do rural ourensán e da defensa da profesión.