A pasada semana celebrouse en Valencia o II Encontro Nacional de Asesores, un foro de referencia para analizar o presente e o futuro da agricultura profesional, sostible e baseada no rigor técnico. O encontro reuniu a profesionais do sector para debater sobre os principais retos aos que se enfronta o ámbito agrario nun contexto marcado pola innovación, a esixencia normativa e a responsabilidade ambiental.
A enxeñaría agrícola ocupa un lugar protagonista neste espazo de reflexión, poñendo en valor o seu papel imprescindible na modernización e sustentabilidade do sector. Desde Ourense, o noso colexiado Antonio Rodríguez Varela estivo presente no encontro, defendendo a importancia da formación técnica, da asesoría profesional cualificada e da aplicación da ciencia á actividade agrícola.
A figura do enxeñeiro agrícola resulta esencial para garantir unha produción eficiente e segura, promover o uso responsable de fertilizantes e produtos fitosanitarios, implantar prácticas sostibles, protexer os ecosistemas agrarios e facilitar a adaptación do sector aos novos retos tecnolóxicos e ambientais.
Nun momento clave para o futuro do campo, é fundamental reivindicar a necesidade de contar con profesionais cualificados, con criterio técnico e capacidade de decisión.
A enxeñaría agrícola non é unha profesión complementaria, senón un piar esencial para asegurar o avance do sector, o cumprimento da normativa, a competitividade e o equilibrio co medio natural.
Desde o Colexio queremos amosar o noso apoio a todos os profesionais que traballan cada día para dignificar e fortalecer a enxeñaría agrícola, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e ao futuro do agro.