A celebración de San Isidro deixounos un dos momentos máis emotivos da xornada co recoñecemento ao Mellor Proxecto do Ano, que nesta edición recaeu no noso colexiado Rafael García Losada (nº 70) polo seu traballo: “Centro de Aloxamento Canino Porto do Molle”, en Nigrán.
O premio foi entregado pola conselleira do Medio Rural, Dª Mª José Gómez Rodríguez, que nos acompañou durante o acto e destacou a importancia de poñer en valor proxectos técnicos que contribúan ao desenvolvemento sostible do noso territorio.
O proxecto premiado representa un exemplo claro de como a enxeñaría agrícola pode dar resposta ás novas necesidades do sector, cun enfoque innovador, respectuoso co medio e centrado no benestar animal. O Centro de Aloxamento Canino é unha instalación modélica, concibida con criterios de funcionalidade, seguridade, eficiencia enerxética e integración no contorno.
Recoñecemento ao compromiso e á calidade profesional
Desde o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense queremos felicitar a Rafael García Losada polo seu traballo exemplar, que pon de manifesto o nivel técnico, a dedicación e a visión de futuro dos profesionais do noso colectivo.
Este premio é tamén un recoñecemento á capacidade transformadora da nosa profesión e á súa contribución á mellora do rural galego.