O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense presentou o pasado venres 23 de maio, coincidindo coa festividade de San Isidro Labrador, a nova edición da súa revista Enxeñería Agrícola. O acto tivo lugar durante a celebración anual do patrón da profesión, e contou coa intervención do presidente do Colexio, Manuel Rojo, e a participación institucional de Rosendo Fernández, en representación da Deputación de Ourense, entidade que colaborou co Colexio para facer posible esta publicación.
A revista, que recolle contidos técnicos, artigos de interese e experiencias profesionais, foi definida polo presidente como moito máis que unha ferramenta divulgativa. Durante a súa presentación, Manuel Rojo destacou que: “A historia da enxeñaría agrícola en Ourense é a historia de persoas. De homes e mulleres que, con esforzo e paixón, converteron os seus coñecementos en ferramentas para transformar o territorio, mellorar a produción e coidar do noso medio natural.”
Segundo explicou, esta edición pretende poñer en valor o papel das persoas que traballan no rural e dar visibilidade a unha profesión esencial pero habitualmente pouco recoñecida pola sociedade.
“Cada enxeñeiro técnico agrícola leva consigo unha historia. Historias de sacrificio, de innovación, de compromiso co territorio. Esta revista é unha homenaxe a esas historias e ás persoas que as protagonizan.”
A publicación busca tamén facer un chamamento ao recoñecemento institucional e social da profesión, así como reforzar a presenza dos enxeñeiros agrícolas na toma de decisións que afectan ao futuro do rural
Nesta nova edición, o Colexio quixo agradecer de forma especial a participación dos colexiados que compartiron vivencias e experiencias profesionais nas súas páxinas: Pepe Paz, Lucas Cabanelas, Francisco Blanco, Miguel López, José Benito Freire, Adelina García, José Luis Diéguez e Tomás Sanmartín.
“Grazas de verdade por facer posible esta revista. Creo firmemente que, para dar visibilidade ao noso sector, é fundamental contar quen sodes, poñer rostro ás profesións e crear comunidade arredor do que facedes”.