COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Do asfalto de Londres aos prados de Ourense: a historia dunha gandeira que non se rende

Nas ondas de COPE Ourense, a nosa colexiada, Adelina emocionou aos oíntes co seu testemuño sincero e cheo de forza. Muller de campo, gandeira ourensá con raíces profundas, filla dunha terra que nunca deixou de amar, compartiu a súa historia de vida marcada pola emigración, o amor polo rural e a capacidade de adaptación aos novos tempos.

Marchou anos atrás a Londres na procura dun futuro mellor. Alí coñeceu outra vida, outra velocidade, outro mundo. Mais, como recoñeceu emocionada, “o que me fixo volver foi a terra. Ningún edificio, por alto que sexa, me fixo sentir o que sinto cando piso este prado”. Foi esa chamada da natureza, das raíces e da identidade o que a levou de volta ao lugar onde todo comezou: a súa aldea, Fradelo, no corazón do macizo central ourensán.

Desde alí, Adelina reivindica a importancia de seguir traballando a terra, de poñer en valor o campo e de adaptar a tradición aos tempos que corren. “O rural non é atraso, é sabedoría. E tamén pode ser innovación”, afirmou, resumindo unha filosofía de vida que combina o coidado animal, o respecto polas costumes e a aposta pola tecnoloxía.

Un dos exemplos máis salientables que compartiu na entrevista foi a implantación dun vallado dixital no seu sistema de manexo do gando. Trátase dunha tecnoloxía baseada en colares intelixentes con xeolocalización, que permite delimitar zonas de pasto sen necesidade de peches físicos. “É como poñerlle paredes invisibles ás vacas, pero sen impedilas moverse libremente polo monte”, explicou con orgullo. Este sistema, ademais de reducir custos e tempo, favorece o benestar animal e permite unha xestión máis sostible do terreo. “Ao principio parece cousa de ciencia ficción, pero logo ves que funciona, que mellora o día a día e que non perdemos o contacto coa terra, senón que o facemos máis intelixente”.

Adelina é parte desa xeración que non se rende, que lideran dende a súa experiencia real un modelo de futuro posible no campo galego. A súa historia é só un exemplo dos milleiros que quedan por contar, pero deixa unha mensaxe clara: o rural non só é necesario, senón que tamén pode ser protagonista da innovación e da sustentabilidade, se conta co apoio preciso.