O presidente do Colexio, Pepe Paz, analizou a situación actual da campaña de prevención de incendios forestais e a realidade do monte ourensán, incidindo na necesidade de adoptar medidas estruturais e a longo prazo para reducir o impacto dos lumes no rural galego.
A menos dun mes do inicio do verán, Paz considera que “as solucións reais seguen sen chegar” e lembra que os incendios vividos durante 2025 evidenciaron a necesidade de transformar o actual modelo de gasto nun investimento sostido no tempo, capaz de crear estruturas técnicas, sociais e produtivas ligadas ao territorio.
Desde o Colexio insístese en que o principal problema continúa sendo o abandono do rural e a perda de actividade agraria e forestal. Neste sentido, aínda que determinadas especies invasoras dificultan as tarefas de extinción, o presidente sinala especialmente o impacto das mimosas pola súa rápida expansión e proximidade ás zonas habitadas e produtivas.
En relación coas axudas públicas, Pepe Paz apunta ás dificultades administrativas existentes para tramitar compensacións e actuacións preventivas, especialmente pola complexidade derivada da identificación da propiedade. Considera necesario impulsar mecanismos máis áxiles e prácticos que respondan ás necesidades reais do rural.
O presidente do Colexio tamén puxo o foco nas perdas sufridas por sectores como a apicultura, a produción de castaña ou o viñedo, lembrando que moitas explotacións seguen sen contar cun marco normativo que protexa eficazmente as áreas produtivas fronte ao abandono das parcelas próximas.
Finalmente, advertiu das dificultades que supón para a poboación rural asumir as obrigas de limpeza das franxas de protección, especialmente nun contexto de envellecemento e falta de servizos especializados suficientes para executar estes traballos en tempo e forma.
Desde o Colexio continúase defendendo a necesidade dun cambio de paradigma na xestión do territorio, apostando por políticas integrais que reforcen a actividade económica no rural, a prevención activa e a planificación sostible do monte galego.