COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

“A boa construción mellora a vida das persoas e dialoga coa paisaxe e o territorio”

O presidente do Colexio, Pepe Paz, participou no especial dedicado á construción publicado por La Voz de Galicia cun artigo no que reivindica o valor da construción como unha expresión do progreso humano tamén no medio rural.

No texto, Pepe Paz destaca que construír non significa unicamente crear espazos funcionais, senón tamén mellorar a calidade de vida das persoas, integrar as actuacións na paisaxe e contribuír a deixar un legado sostible para o futuro. Neste sentido, subliña o importante labor que desenvolven os profesionais da enxeñaría agrícola dentro das súas competencias técnicas, especialmente no ámbito rural e agroindustrial.

O artigo pon en valor o traballo dos enxeñeiros agrícolas no deseño e execución de infraestruturas fundamentais para o sector primario, como explotacións gandeiras, almacéns, industrias agroalimentarias, sistemas de abastecemento, depuración, xestión de residuos ou instalacións orientadas á eficiencia enerxética.

Ademais, faise fincapé na complexidade técnica e económica que caracteriza moitas destas actuacións. O sector agrario traballa habitualmente con marxes reducidas, unha realidade que obriga aos profesionais a buscar solucións eficaces, sostibles e economicamente viables sen renunciar á integración paisaxística nin á dignificación do medio rural.

Desde o Colexio deféndese que a funcionalidade e a eficiencia non deben estar rifadas coa estética nin co respecto pola contorna. A enxeñaría agrícola aposta por un modelo de desenvolvemento capaz de compatibilizar innovación, sustentabilidade e identidade territorial.

Tal e como sinala Pepe Paz no artigo publicado:
“A boa construción é aquela que resolve necesidades, mellora a vida das persoas e ao mesmo tempo sabe dialogar coa paisaxe e coa identidade do territorio”.

Con esta participación no especial da construción, o Colexio reafirma o compromiso da profesión cun rural moderno, competitivo e sostible, no que a enxeñaría agrícola continúa achegando solucións fundamentais para o presente e o futuro de Galicia.