COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

A semi-transhumancia como ferramenta clave para o futuro do rural galego

A Biblioteca de Montederramo acolleu esta pasada fin de semana a XI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, un encontro centrado nesta edición no lema “Pastos que protexen: xestión do territorio fronte ao lume”, no que expertos, gandeiros, investigadores e profesionais do sector reflexionaron sobre o papel da actividade agro-gandeira na prevención de incendios e na conservación do territorio.

Entre os relatorios máis destacados da primeira xornada estivo a intervención de Enrique González López, enxeñeiro agrícola e membro da Xunta de Goberno do Colexio, quen participou na ponencia titulada Tradición ao límite: a semi-transhumancia sen relevo xeracional”.

Durante a súa intervención, Enrique González puxo o foco nun dos grandes retos do medio rural galego: a perda progresiva do relevo xeracional nas actividades tradicionais vinculadas á gandaría extensiva e ao pastoreo. Explicou que prácticas como a semi-transhumancia, ademais de formar parte do patrimonio cultural e produtivo de Galicia, son unha ferramenta clave para a xestión sostible da paisaxe, contribuíndo á limpeza natural do monte, á redución da carga combustible e, en consecuencia, á prevención de grandes incendios forestais.

O representante do Colexio subliñou tamén a necesidade de dignificar e modernizar o sector primario, apostando por políticas públicas que favorezan a incorporación de xente nova ao rural, melloren a rendibilidade das explotacións e impulsen a innovación sen perder a conexión co coñecemento tradicional.

A súa participación foi moi ben recibida polos asistentes, xerando un interesante debate arredor de como combinar tradición, sustentabilidade e innovación para garantir un futuro viable no rural galego.

A presenza de Enrique González nesta cita reforza, ademais, o compromiso do Colexio coa divulgación técnica e coa defensa dun modelo de territorio máis resiliente, no que a enxeñaría agrícola desempeña un papel esencial para afrontar desafíos como o despoboamento, o abandono do monte e os incendios forestais.