COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

O uso de drons, aliado da enxeñaría agrícola para a prevención de incendios

Óscar Álvarez Mociño destacou o pasado venres 19 de setembro na súa entrevista en COPE o papel clave da enxeñaría agrícola e das novas tecnoloxías na prevención dos incendios forestais.

“Os drons permítennos ver de maneira real o que hai no terreo e actuar con máis eficacia e seguridade”, afirmou Mociño, quen explicou que a orixe do proxecto foi a necesidade de protexer vivendas e aldeas fronte ás lapas, limpando e controlando as chamadas faixas secundarias.

Os traballos tradicionais de inspección destas zonas presentaban múltiples problemas: accesos complicados, fincas mal delimitadas e procedementos lentos. A solución chegou coa incorporación dos drons, que permiten:

  • Revisar parcelas de forma rápida.
  • Detectar incumprimentos e riscos de lume.
  • Medir a altura das árbores e coñecer a vexetación.
  • Acceder a áreas de difícil entrada sen poñer en perigo ás persoas.

Este proxecto naceu da colaboración coa Universidade de Vigo, a través da Escola Superior de Enxeñaría Informática e o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais, e xa tivo un primeiro recoñecemento coa publicación dun artigo científico nunha revista internacional.

Óscar subliñou tamén a importancia da cooperación entre profesión, universidade e empresa: “Estas colaboracións son unha boa simbiose que permiten afrontar retos complexos como os incendios forestais con ferramentas prácticas e eficaces”.

Desde o Colexio reivindicamos, unha vez máis, o papel estratéxico dos enxeñeiros agrícolas e forestais. Un rural ordenado, coidado e eficiente é a mellor defensa fronte ao lume, e a nosa profesión ten un papel decisivo á hora de transformar a innovación tecnolóxica en solucións reais que melloran a seguridade da cidadanía e a protección do territorio.