COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Innovación contra o lume

O noso colexiado Óscar Álvarez Mociño vén de publicar, como coautor, un artigo na prestixiosa revista científica internacional Drones (Q1 na súa área), no que se presenta unha metodoloxía innovadora para acelerar as tarefas de inspección de incendios forestais mediante o uso de drons.

O artigo, titulado “A New Drone Methodology for Accelerating Fire Inspection Tasks”, recolle o desenvolvemento dunha solución tecnolóxica avanzada que permite optimizar a xestión e prevención de lumes, especialmente no medio rural. Trátase dun claro exemplo de como a aplicación práctica da innovación pode dar resposta a un problema ambiental e social de primeira orde para Galicia.

Este traballo foi desenvolvido en colaboración co Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, e demostra o potencial da colaboración entre a universidade e os profesionais do sector. A participación de Óscar, como enxeñeiro técnico agrícola, pon de relevo o papel fundamental da nosa profesión na integración de novas tecnoloxías, como os drons, en ámbitos tradicionalmente máis vinculados ao traballo de campo.

Cómpre destacar tamén a participación do noso colexiado e compañeiro Xan Losada Soto, que colaborou no proxecto como técnico, contribuíndo activamente á posta en práctica desta metodoloxía.

Desde o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, queremos felicitar a ambos polo seu excelente traballo e por contribuír a poñer en valor a enxeñaría técnica agrícola como unha disciplina clave para afrontar os retos do presente e do futuro, tanto no ámbito ambiental como tecnolóxico.

🔗 Podes consultar o artigo completo aquí: https://www.mdpi.com/2504-446X/9/9/602