O presidente do noso colexio, Manuel Rojo, participou o pasado venres na primeira xuntanza da Mesa de Traballo do proxecto Nó Rural, unha iniciativa que reúne axentes clave do territorio para abordar un dos maiores desafíos do sector primario: o envellecemento da poboación agraria e a falta de relevo xeracional.
A xuntanza celebrouse no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela (A Casa da Lagoa), no concello de Sandiás, e contou coa participación de entidades e institucións comprometidas co desenvolvemento do medio rural galego.
Durante a sesión, abordáronse os datos preocupantes que evidencian unha tendencia crecente ao abandono da actividade agraria por falta de continuidade xeracional. Máis do 56 % das persoas titulares de explotacións galegas teñen máis de 55 anos, e só o 16 % son menores de 35. A consecuencia directa é a perda de actividade económica, o abandono de terras e un aumento do risco ambiental, especialmente de incendios.
A mesa ten como obxectivo impulsar unha estratexia común para garantir o relevo xeracional no sector, fomentando a incorporación de persoas novas, a creación de novas explotacións, e o apoio institucional ao emprendemento rural.
A presenza do presidente Manuel Rojo nesta iniciativa representa o compromiso do noso colexio co futuro do rural galego e co sector agrogandeiro como pilar fundamental do territorio.