O Colexio participou na xornada sobre emprendemento e desenvolvemento rural celebrada en Verín, colaborando activamente no programa técnico mediante a impartición de tres ponencias a cargo do presidente do Colexio, José Paz Paz, e das colexiadas Paula Vázquez Rocha e Begoña Gómez.
A actividade tivo como finalidade promover o emprendemento feminino no medio rural, favorecer a igualdade de oportunidades e dar a coñecer os instrumentos de apoio existentes para a creación e consolidación de iniciativas empresariais vinculadas ao sector agrario e agroalimentario.
A nosa colexiada e membro da xunta de goberno, Paula Vázquez Rocha impartiu a ponencia «Defende a igualdade coa Titularidade Compartida», centrada na importancia desta figura para o recoñecemento do traballo das mulleres nas explotacións agrarias e para a consecución dunha maior igualdade no sector.
José Paz Paz desenvolveu o relatorio «Quero emprender! Novo estilo de vida grazas á agroalimentación», abordando as posibilidades de emprendemento e diversificación económica que ofrece o sector agroalimentario como elemento estratéxico para o desenvolvemento rural.
Pola súa banda, a nosa colexiada, Begoña Gómez presentou a ponencia «Cultiva o teu talento coñecendo a situación actual da PAC: axudas para mulleres», na que expuxo as principais medidas de apoio e oportunidades de financiamento dirixidas ás mulleres do ámbito rural.
A participación do Colexio contribuíu á transferencia de coñecemento técnico e á promoción de iniciativas orientadas ao desenvolvemento sostible do territorio, reforzando o compromiso da entidade coa formación, a innovación e a dinamización do medio rural.