COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Relevo xeracional no sector agrario entre Galicia e Cataluña

A nosa compañeira Paula Vázquez, membro da Xunta de Goberno do Colexio , participou recentemente nas xornadas de intercambio sobre o relevo xeracional no sector agrario entre Galicia e Cataluña, unha iniciativa no marco do proxecto Nó Rural na que o Colexio leva colaborando desde a súa creación.

Durante o encontro, profesionais e representantes de ambas comunidades autónomas compartiron experiencias e analizaron os principais retos que afronta o sector para garantir a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria.

Os representantes cataláns presentaron diversas medidas e actuacións que están a desenvolver para facer fronte á falta de relevo xeracional nas explotacións agrarias. A pesar das diferenzas territoriais, os participantes comprobaron que os problemas son practicamente os mesmos en ambas comunidades: as dificultades de acceso á terra, a escaseza de empresas de servizos que permitan unha maior flexibilidade horaria ás explotacións, o incremento constante da burocracia administrativa e as trabas que atopan os novos profesionais para iniciar a súa actividade.

Segundo destacou Paula Vázquez, un dos aspectos máis relevantes da xornada foi coñecer de primeira man a opinión dos mozos e mozas que se incorporaron ao sector nos últimos anos en Cataluña. Entre as súas principais preocupacións apareceu de maneira recorrente a excesiva carga burocrática, considerada un dos maiores obstáculos para o desenvolvemento da actividade agraria.

Estas xornadas continúan consolidándose como un espazo de reflexión, intercambio de coñecemento e procura de solucións comúns para asegurar o futuro do sector agrario e favorecer a incorporación das novas xeracións ao medio rural.