COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

O Colexio denuncia un recorte encuberto de prazas na modificación da RPT

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense vén de presentar un escrito formal de reclamación ante a Xunta de Galicia pola modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería do Medio Rural, recentemente publicada, e que afecta de forma directa ao noso colectivo profesional.

A medida aprobada permite que 14 prazas técnicas de perfil agrícola, até o de agora reservadas a enxeñeiros/as agrónomos/as e técnicos/as agrícolas, poidan ser ocupadas tamén por titulados en enxeñaría de montes e técnica forestal, sen que se cree ningunha praza nova para estes corpos.

Desde o Colexio consideramos esta decisión como un grave agravio e unha discriminación inaceptable, que supón un desprazamento encuberto do noso colectivo da función pública galega, especialmente no eido das oficinas agrarias comarcais.

“Están intentando solucionar un problema cos forestais quitándolle prazas aos agrícolas. É unha medida sen fundamento técnico nin funcional e absolutamente prexudicial para a nosa profesión”, declarou o presidente do Colexio, Manuel Rojo López.

No escrito presentado reclamamos a retirada inmediata ou a revisión desta modificación, así como a creación de prazas específicas para os corpos forestais, sen afectar negativamente ao persoal técnico agrícola.

A reclamación foi tamén comunicada ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España, co obxectivo de analizar posibles accións conxuntas a nivel estatal.

O Colexio lembra que os enxeñeiros técnicos agrícolas desempeñan un papel esencial no medio rural galego, tanto na xestión da PAC como no asesoramento técnico, a sanidade vexetal, a xestión de explotacións e o desenvolvemento sostible do territorio. A substitución destes perfís por outros alleos ao sector agrario supón un risco para a calidade do servizo público e un paso atrás no recoñecemento da nosa profesión.