O Colexio estivo presente na inauguración da XVIII Feira do Viño de Monterrei, celebrada na localidade de Verín, consolidada como un dos eventos vitivinícolas máis importantes da provincia e de Galicia.
O presidente do Colexio, Manuel Rojo, acompañado polo vicepresidente Pepe Paz e o secretario Miguel Ángel Viso, participou na apertura oficial da feira, apoiando co seu respaldo institucional a viticultura da comarca e o esforzo dos profesionais que traballan cada día para manter vivo o medio rural galego.
A Feira do Viño de Monterrei é moito máis ca unha mostra enolóxica: é unha celebración do territorio, da identidade e da capacidade de innovación dun sector estratéxico para Galicia. Desde o Colexio, destacamos o papel fundamental dos viticultores e das adegas, así como o valor engadido que achega a enxeñaría agrícola á mellora da produción, á sustentabilidade e á adaptación aos novos retos ambientais.
Durante a xornada, o equipo do Colexio compartiu espazos de diálogo con colexiados, compañeiros de profesión e axentes do sector agroalimentario, reforzando a colaboración e o compromiso con proxectos que impulsen o desenvolvemento sostible do rural.
“Cada viño conta unha historia de esforzo, tradición e innovación. Estar aquí é recoñecer ese traballo e poñernos ao seu carón para seguir apostando por un rural con futuro”, destacou o presidente Manuel Rojo.
Desde o Colexio reafirmamos o noso compromiso co sector vitivinícola e con todas aquelas iniciativas que contribúan a dinamizar o medio rural e poñer en valor os seus recursos e profesionais.