O presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense, Manuel Rojo, participou nunha mesa redonda en Previsel 2025, a feira de referencia en Galicia sobre prevención e seguridade laboral. Na súa intervención, titulada Seguridade nas industrias agroindustriais, Rojo analizou os principais riscos presentes no sector e destacou a necesidade de adoptar medidas eficaces para garantir un ambiente de traballo seguro.
Durante a súa ponencia, abordou os riscos químicos, físicos, ergonómicos e biolóxicos aos que están expostos os traballadores, poñendo o foco en solucións clave como a formación axeitada, o uso de equipos de protección persoal, a aplicación de boas prácticas de manufactura e o deseño de estacións de traballo adecuadas.
Rojo subliñou o compromiso do Colexio coa seguridade no ámbito agroindustrial e co labor de Previsel, que este ano celebra a súa maioría de idade consolidándose como o gran referente galego na formación especializada en prevención, seguridade, saúde e benestar laboral.
O evento, que se celebra no recinto feiral de Expourense, contou coa participación de expertos do sector, converténdose na única cita en Galicia dedicada en exclusiva á formación en prevención de riscos laborais.