COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Innovación e Sustentabilidade: O Futuro da Olivicultura

Onte celebrouse en San Cibrao das Viñas (Ourense) o Taller Demostrativo do proxecto de innovación OLIVITECH, un encontro clave para o futuro da olivicultura galega. Este evento reuniu expertos do sector para afondar na optimización do cultivo da oliveira mediante o uso de análise tecnolóxica e aerobiolóxica.

Entre os asistentes destacou a presenza do noso presidente, Manuel Rojo, quen subliñou a importancia de apostar pola innovación e a sustentabilidade no sector agrícola. «A investigación e o desenvolvemento de novas tecnoloxías son fundamentais para garantir un futuro máis sostible para os nosos agricultores», afirmou Rojo.

A participación dos enxeñeiros agrícolas e colexiados Alberto Fernández e María Fernández foi clave no evento. Alberto Fernández, responsable do Departamento Agro de Aceites Abril, puxo en valor o compromiso co rural galego e explicou como a colleita propia pode marcar a diferenza na calidade do produto final. Pola súa banda, María Fernández, profesora da Universidade de Vigo, presentou os avances no uso de biosensores para o monitoreo de esporas no olivar, unha ferramenta esencial para a prevención de enfermidades fúngicas.

O taller incluíu unha demostración práctica do funcionamento dos captadores aerobiolóxicos, unha tecnoloxía que permitirá reducir o impacto ambiental dos tratamentos fitosanitarios e mellorar a xestión das plantacións. 

Eventos como este amosan o camiño a seguir para un sector agrícola máis eficiente, respectuoso co medio e rendible. O compromiso con proxectos innovadores como OLIVITECH é a chave para un futuro onde a tradición e a tecnoloxía camiñen da man cara á excelencia na produción olivícola.