O noso vicepresidente, o enxeñeiro Pepe Paz, foi convidado aos estudos de COPE Ourense, onde participou nunha entrevista radiofónica de gran repercusión que tamén se emitiu para toda Galicia.
Durante a súa intervención, o representante do Colexio analizou con rigurosidade técnica e claridade expositiva a situación dos montes tras os incendios que arrasaron amplas zonas da provincia. “O monte galego ten unha capacidade de rexeneración moito máis importante ca noutros lugares”, afirmou. E engadiu que, malia que “en dous anos volverá o verde”, a recuperación total das masas forestais pode tardar “entre 10 e 20 anos, e ata 40 anos no caso das árbores exemplares”.
Ademais do diagnóstico técnico, Pepe Paz lanzou un chamamento sobre os riscos ambientais derivados da superficie queimada:
“Hai unha superficie ardida bestial. Se chegan choivas intensas, as cinzas poden baixar aos ríos e causar un desastre ecolóxico engadido”.
Neste contexto, puxo o foco na necesidade dunha repoboación forestal planificada e nunha verdadeira posta en valor do medio rural:
“Este momento debe aproveitarse como unha oportunidade. Cómpre integrar produción forestal, gandería extensiva, agricultura e turismo rural. Só así poderemos falar dun monte vivo e protexido”.
Na entrevista, o vicepresidente do Colexio tamén compartiu a súa experiencia persoal como veciño afectado polos lumes, reforzando o seu compromiso directo co territorio:
“As lapas chegaron a 100 metros da miña casa. Na casa dun veciño botabamos auga con caldeiros ata que chegaron os medios de extinción”.
Estas declaracións amosan non só a proximidade humana do profesional, senón tamén o seu compromiso real co medio rural e a defensa do territorio.
Finalmente, Pepe Paz fixo un chamamento directo ás administracións públicas, poñendo en valor o coñecemento e a dispoñibilidade dos profesionais do Colexio:
“Aquí estamos. Contade coa nosa sabedoría e profesionalidade. Somos parte da solución”.
Dende o Colexio, reiteramos a nosa plena disposición a colaborar con administracións, entidades e sociedade civil, poñendo o coñecemento técnico ao servizo da reconstrución e dun modelo rural máis resiliente, sustentable e vivo.