COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Convocadas as axudas para incorporación e plans de mellora

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas dirixidas á incorporación de persoas mozas á actividade agrogandeira e aos plans de mellora das explotacións agrarias, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC). As achegas están dotadas cun orzamento global de 36 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a Xunta de Galicia.

Axudas de incorporación de mozos

Esta liña está dotada con 30,5 millóns de euros, e ten como obxectivo apoiar a persoas de entre 18 e 40 anos que queiran iniciar unha actividade agraria. Divídese en dúas liñas:

  • 16 millóns de euros destinaranse ao establecemento de mozos agricultores.
  • 14,5 millóns de euros financiarán investimentos en modernización e/ou mellora das explotacións.

As persoas solicitantes deberán presentar un plan empresarial, comprometerse a manter a actividade durante cinco anos e participar nun programa de titorización. A axuda base será de 30.000 euros, podendo incrementarse ata 70.000 euros se se cumpren determinados criterios, como ser muller, traballar en zonas con limitacións naturais ou en Rede Natura 2000, realizar agricultura ecolóxica ou acollerse á titularidade compartida.

Ademais, se se solicita simultaneamente a incorporación e o plan de mellora, a axuda cubrirá ata o 65 % dos custos elixibles, cun máximo de 75.000 euros por UTA e un límite de 250.000 euros por beneficiario.

Plans de mellora pendentes da convocatoria 2024

Resérvanse 5,5 millóns de euros para persoas mozas que foron beneficiarias da convocatoria de incorporación de 2024, pero cuxos plans de mellora non foron aprobados. Esta medida busca facilitar o inicio da súa actividade produtiva e garantir a execución dos investimentos previstos.

Nesta liña, a intensidade da axuda será do 40 % dos custos elixibles, podendo chegar tamén ao 65 %, cun máximo de 250.000 euros por beneficiario.

Prazo de solicitude

As solicitudes poden presentarse ata o 28 de xullo de 2025, contando un mes natural desde o día seguinte á publicación da orde no DOG.