A Xunta de Galicia vén de anunciar un investimento de 36 millóns de euros para o ano 2025 co obxectivo de fomentar a incorporación de mozos e mozas ao sector agropecuario e modernizar as explotacións rurais. Esta nova convocatoria, presentada polo presidente Alfonso Rueda, pretende facilitar o relevo xeracional no campo galego, promovendo que arredor de 300 novos profesionais de entre 18 e 40 anos poidan iniciar a súa actividade no rural.
Ourense será unha das provincias beneficiadas por esta iniciativa, cunha achega de preto de 5 millóns de euros destinada a apoiar plans de mellora, a incorporación de xente nova ao campo e o impulso de pequenas explotacións. Na anterior convocatoria, 57 mozos ourensáns recibiron estas axudas, cunha achega media superior aos 37.000 euros por persoa.
A convocatoria estrutúrase en dúas liñas principais: unha primeira, dotada con 16 millóns de euros, dirixida especificamente á incorporación de mozos e mozas á actividade agraria; e unha segunda, de 5,5 millóns, para a modernización e mellora das explotacións existentes. Estas axudas poderán cubrir ata o 65 % dos custos elixibles, cun máximo de 250.000 euros por beneficiario, en función dos criterios recollidos na orde correspondente.
Estas actuacións enmárcanse no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027, co que se busca reforzar o tecido produtivo do rural galego e garantir a sustentabilidade dun sector clave para a economía e o territorio.