O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense participou no Especial Construción Ourense publicado o pasado 24 de maio en La Voz de Galicia, para poñer en valor o traballo que desenvolvemos no rural galego. Coincidindo coa festividade de San Isidro, presentouse tamén un novo número da nosa revista profesional, centrada na importancia da enxeñaría agrícola na ordenación, modernización e sostibilidade do territorio.
No artigo, o noso presidente, Manuel Rojo, lanza unha mensaxe clara e contundente:
“Non queremos ser espectadores pasivos das políticas que modelan o noso sector; queremos ser parte activa.”
Esta declaración resume perfectamente o sentir do colectivo: a enxeñaría agrícola non é un complemento, é unha peza clave para garantir que o medio rural avance cara a un futuro máis equilibrado, eficiente e con oportunidades. Os enxeñeiros agrícolas traballamos directamente sobre o territorio, desenvolvendo solucións técnicas en áreas como:
- O deseño de infraestruturas agropecuarias,
- A mellora e eficiencia de sistemas de rego,
- A recuperación de solos degradados,
- A integración ambiental das instalacións rurais.
A nosa formación e experiencia permítennos actuar cun enfoque integral, combinando o respecto pola terra co uso racional dos recursos e a innovación tecnolóxica. Como sinala tamén a revista, detrás de cada proxecto hai historias de compromiso, superación e vocación.
Apostamos por un rural vivo, produtivo, sostible e ben planificado. E queremos seguir sendo protagonistas dese camiño. Que se nos escoite, que se nos teña en conta, e que se recoñeza o valor estratéxico que aportamos.