COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Alianza pola innovación rural: reforzando o emprendemento no medio rural

O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España vén de asinar unha alianza estratéxica con FEPRODEL (Federación Estatal de Profesionais do Desenvolvemento Local), APRODEL (Andalucía) e AFIPRODEL (Galicia), co obxectivo de revitalizar o medio rural a través da innovación, o emprendemento e o apoio técnico especializado.

Esta colaboración nace coa vontade de fortalecer o papel das Axencias de Desenvolvemento Local como motor de cambio e de oportunidade para os territorios rurais. Ao sumar esforzos, estas entidades buscan crear sinerxías que impulsen proxectos sostibles, xeren emprego e fixen poboación nos núcleos rurais.

A alianza abrangue preto de 25.000 profesionais de diferentes ámbitos que traballan pola dinamización do rural desde a proximidade, combinando coñecemento técnico, innovación territorial e desenvolvemento comunitario. O acordo permitirá establecer liñas de acción conxuntas que abranguen desde o asesoramento técnico a emprendedores ata o deseño de políticas públicas máis adaptadas á realidade do rural.

Segundo destacou o Consello, esta iniciativa supón un paso firme cara a un rural vivo, con futuro, e no que a mocidade poida desenvolver proxectos sen verse obrigada a emigrar. Tamén se pretende poñer en valor a figura do enxeñeiro técnico agrícola como axente clave na planificación territorial, na xestión sostible dos recursos e na transformación do medio rural nun espazo de oportunidades.

Esta alianza quere ser un referente para outros sectores e administracións, mostrando que a cooperación interprofesional e o compromiso co territorio son claves para afrontar os retos demográficos, ambientais e económicos que afronta o rural español.