O experto en análises enolóxicas Alejandro Parra Manzanares, un dos relatores das Xornadas do Viño «Pensando no Viño», organizadas polo Colexio, participou esta semana no programa Voces de Ourense de Radio Voz para achegar un avance dos contidos da súa ponencia, centrada na detección e prevención da fraude no sector vitivinícola.
Durante a entrevista, Parra explicou que o avance das técnicas analíticas e a maior accesibilidade aos métodos de control permiten detectar con maior precisión posibles fraudes no viño, aínda que quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade: «non se trata dunha práctica habitual». Segundo indicou, o obxectivo da súa intervención será dar a coñecer as ferramentas oficiais que permiten verificar a autenticidade dos viños e garantir a súa calidade.
Na súa conferencia abordará as técnicas analíticas recoñecidas pola Organización Internacional da Viña e do Viño (OIV), explicando os principais tipos de fraude que poden producirse no ámbito enolóxico, as súas consecuencias lexislativas e quen pode solicitar este tipo de análises. Ademais das administracións públicas, estes estudos son cada vez máis demandados por importadores, adegas e mesmo asociacións de consumidores.
Parra tamén destacou que o crecemento do valor comercial dos viños de maior gama incrementou a necesidade de protexer a súa autenticidade. Neste sentido, sinalou que as propias adegas son as primeiras interesadas en contar con sistemas que permitan detectar posibles falsificacións e preservar o prestixio das súas marcas.
A entrevista serviu tamén para poñer en valor o papel de Ourense como un dos grandes territorios vitivinícolas de Galicia. Parra subliñou a elevada calidade dos viños da provincia e destacou a evolución experimentada nos últimos anos, especialmente polos viños tintos, que gañan cada vez máis recoñecemento nos mercados nacionais e internacionais.
Desde o seu laboratorio, con sede en La Rioja, traballa habitualmente con adegas, colleiteiros e denominacións de orixe de toda España, incluída Galicia, onde a demanda de servizos céntrase principalmente nas análises para exportación e na elaboración da información nutricional que actualmente debe figurar nas etiquetas dos viños.
O especialista tamén destacou o bo comportamento dos viños galegos nos mercados exteriores, especialmente dos brancos, con destinos como Brasil ou Xapón, ao tempo que apuntou ao crecente interese que están a espertar os tintos galegos.
A participación de Alejandro Parra Manzanares terá lugar no marco das Xornadas do Viño «Pensando no Viño», unha iniciativa organizada polo Colexio Ourense para promover o intercambio de coñecemento e a actualización técnica entre os profesionais do sector vitivinícola.
As xornadas celebraranse o 4 de xullo, no Salón de Actos do Arquivo Provincial de Ourense e reunirán especialistas de referencia en enoloxía, viticultura e investigación, ademais dunha mesa redonda cos representantes das denominacións de orixe galegas, consolidándose como un foro de encontro para analizar os retos presentes e futuros do viño.