COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Éxito das primeiras Xornadas do Viño do Colexio, que reuniron en Ourense a destacados expertos nacionais e internacionais do sector vitivinícola

O Colexio celebrou con gran éxito de participación as Xornadas do Viño 2026, unha iniciativa que nace coa vocación de converterse nun foro permanente de reflexión e análise sobre os principais retos do sector agroalimentario galego.

Baixo o lema «Dende Ourense, pensando no viño», case un centenar de profesionais, representantes institucionais, investigadores, enólogos, adegueiros, viticultores, estudantes e colexiados déronse cita no Arquivo Provincial de Ourense para compartir coñecemento e debater sobre o presente e o futuro da vitivinicultura galega.

Desde o Colexio queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todos os relatores, autoridades, representantes das Denominacións de Orixe, patrocinadores, entidades colaboradoras  e asistentes que fixeron posible o éxito desta primeira edición. A súa implicación, participación e interese demostraron que existía unha demanda real dun espazo de encontro destas características.

Un agradecemento especial merece tamén o Concello de Ourense, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), as cinco Denominacións de Orixe de Galicia, así como as empresas colaboradoras Tenomar e Dolmar polo seu apoio á iniciativa.

A internacionalización, unha oportunidade para os viños galegos

A xornada abriu a súa programación técnica coa intervención de Jonas Tofterup, Master of Wine, que convidou ao sector a seguir apostando pola diferenciación e pola identidade dos viños atlánticos como principal ferramenta para reforzar a súa presenza nos mercados internacionais.

Preparar o viñedo para os novos desafíos

A investigadora Emilia Díaz Losada, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, analizou os retos derivados dos cambios regulatorios en materia fitosanitaria, incidindo na importancia da innovación, dos sistemas de apoio á decisión e das variedades resistentes para garantir unha viticultura cada vez máis sostible.

A ciencia ao servizo da autenticidade do viño

Pola súa banda, Alejandro Parra Manzanares, de Tenomar Laboratorios, presentou as ferramentas analíticas máis avanzadas para detectar fraudes e verificar a autenticidade dos viños mediante análises isotópicas e tecnoloxía IRMS, unha garantía tanto para o sector como para os consumidores.

O futuro das Denominacións de Orixe

A mesa redonda cos presidentes das cinco Denominacións de Orixe de Galicia permitiu compartir diferentes visións sobre os desafíos que afronta a vitivinicultura galega. Entre os asuntos abordados destacaron a necesidade de atraer novas xeracións ao sector, mellorar a dimensión das explotacións, reforzar a comercialización, incrementar a cooperación entre territorios e continuar apostando pola calidade como principal elemento diferenciador dos viños galegos.

O viño como motor do rural

Durante a xornada púxose tamén de manifesto o papel estratéxico que desempeña a vitivinicultura no desenvolvemento económico e social de Ourense e de Galicia. O sector representa moito máis que unha actividade produtiva: contribúe á fixación de poboación, á conservación da paisaxe, á creación de emprego cualificado e á dinamización do medio rural.

O inicio dun novo camiño

Estas Xornadas do Viño supuxeron tamén a recuperación do espírito das históricas Xornadas Agrarias promovidas polo Colexio hai décadas. A intención da institución é dar continuidade a esta iniciativa, organizando nos vindeiros anos novas xornadas dedicadas a outros ámbitos da enxeñaría agrícola.

O éxito de participación e o elevado nivel técnico das intervencións consolidan esta primeira edición como un punto de partida ilusionante para seguir convertendo Ourense nun espazo de referencia para o debate, a transferencia de coñecemento e a innovación no sector agroalimentario.

Porque, desde o Colexio  seguiremos traballando para que Ourense continúe pensando no viño… e tamén no futuro do noso rural.