COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Peche de ciclo e valor engadido no rural: o exemplo de Cantoña

A nosa colexiada Natalia Gallego Dacosta lidera unha iniciativa que marca un antes e un despois no modelo de produción agroalimentaria sostible en Galicia. Como presidenta da Asociación Elabora Cantoña, está a impulsar un proxecto pioneiro que xorde ao tempo que se inicia a reforma da antiga estación de Cantoña, co obxectivo de ofrecer un espazo seguro e adecuado para que pequenos produtores e persoas interesadas no autoabastecemento poidan transformar os seus produtos da horta. Desde a Asociación estanse a sumar vontades e a promover accións colectivas, como a compra conxunta de tarros e consumibles de limpeza, apostando pola cooperación e o desenvolvemento local sostible.

Os produtos das cestas que manexan —frotas, hortalizas, produtos apícolas— son frescos, locais e perecedoiros. E como é habitual no sector primario, os excedentes son frecuentes. Dispoñer dun centro de transformación no propio territorio permite pechar o ciclo produtivo, reducir desperdicio alimentario e engadir valor aos produtos do campo.

A recuperación e posta en marcha da estación de Cantoña como centro de transformación de pequenas producións sostibles non só dá resposta a esa necesidade técnica, senón que crea oportunidades reais de aprendizaxe, emprego e desenvolvemento rural. A iniciativa permite tamén a formación práctica de produtores e profesionais na elaboración de conservas vexetais, transformación de froitas, verduras e produtos apícolas, contribuíndo a profesionalizar o sector.

Exemplos que nacen da experiencia técnica

Natalia, como enxeñeira agrícola e produtora, coñece de primeira man os retos do agro. Os primeiros elaborados que saíron deste novo espazo dan boa mostra da súa utilidade e potencial:

  • Salsa de tomate e cabaciña con apio
  • Puré de tomate
  • Mermelada de uva e pavía
  • Zume de uva e mazá
  • Puré de verduras con fariña de castaña, feito con ingredientes dunha das cestas semanais

Cada frasco é unha resposta directa a unha necesidade real do campo: conservar, transformar e darlle saída ao que produce a terra, sen perder frescura nin valor.

Un modelo replicable, sostible e liderado por profesionais do sector

Desde o Colexio de Enxeñeiros Agrícolas, poñemos en valor proxectos coma este que, alén de seren innovadores e sostibles, son liderados por profesionais colexiados que aplican o coñecemento técnico ao servizo da comunidade rural. Cantoña é xa un exemplo de como o enxeñeiro/a agrícola pode e debe ser peza clave na reactivación do medio rural galego.