Desde o Colexio celebramos o recoñecemento recibido polo enxeñeiro agrícola e colexiado José Ángel Cid, galardoado no Capítulo de Xestión da Auga Termal dos Premios Campus da Auga pola súa tese titulada “Estudo da potencialidade do xacemento xeotérmico Ourense-Cidade”, dirixida por Pedro Araújo.
O traballo premiado analiza en profundidade o estado actual do xacemento xeotérmico da cidade de Ourense, as metodoloxías de aproveitamento dos recursos de media e baixa temperatura e o marco normativo aplicable, incorporando propostas para un uso sostible e responsable da riqueza termal da cidade.
Este recoñecemento pon de manifesto o valor da investigación e da innovación no ámbito da Enxeñaría Agrícola, demostrando como o coñecemento técnico pode contribuír activamente á protección dos recursos naturais e ao desenvolvemento sustentable do territorio.
O esforzo e dedicación de José Ángel Cid son un exemplo do compromiso dos profesionais colexiados co progreso científico e co aproveitamento racional dos recursos naturais, reforzando o prestixio da nosa profesión e do noso colexio profesional.
Desde o Colexio queremos trasladarlle a nosa máis sincera noraboa a José Ángel Cid, así como ao resto de premiados nesta edición, que seguen facendo do coñecemento, da investigación e do compromiso co territorio o seu sinal de identidade.