COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Pablo Estévez no máis alto do podio vitivinícola galego

O enxeñeiro agrícola e enólogo galego acada 14 premios nas Catas de Galicia 2025 e consolídase como referente da enoloxía nacional

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense expresa o seu máis sincero orgullo e parabéns ao noso colexiado Pablo Estévez, enxeñeiro agrícola e enólogo, que vén de converterse nun dos grandes protagonistas dos Premios Cata dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2025, ao acadar un total de catorce galardóns.

Entre os recoñecementos máis destacados figuran o de Mellor Viño Tinto de Galicia, Mellor Branco de Galicia de Adegas Pequenas, Mellor Branco de Galicia en Barrica, Mellor Viño con IXP e Mellor Viño do Ribeiro, distincións que consolidan a traxectoria de excelencia dun profesional que une a visión técnica da enxeñaría agrícola coa arte e sensibilidade da enoloxía.

A estes éxitos súmase o seu recente título como Mellor Enólogo de Viños Novos de España, un premio que reforza o prestixio e o talento dun profesional comprometido coa calidade, a innovación e a valorización do produto galego.

Desde o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas queremos trasladarlle a nosa máis sincera noraboa a Pablo Estévez por estes logros, que son tamén un motivo de orgullo para todo o colectivo, ao representar de forma exemplar o papel esencial dos enxeñeiros agrícolas no desenvolvemento e na mellora continua do sector vitivinícola galego.

Así mesmo, o Colexio felicita a todos os profesionais e adegas premiadas nesta edición das Catas de Galicia 2025, un certame que volve poñer de manifesto a calidade, a diversidade e o prestixio do viño galego, así como o seu peso fundamental no tecido económico e rural do país.

O éxito de Pablo Estévez é tamén o éxito da enxeñaría agrícola, que co seu coñecemento técnico, a súa visión innovadora e o seu compromiso coa sustentabilidade segue a elevar o nome de Galicia e do seu sector agroalimentario ao máis alto nivel.

Noraboa, Pablo, por levar con orgullo o nome da enxeñaría agrícola galega ao cumio do viño!