COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

“Máis alá do campo: a Enxeñaría Agrícola ofrece novas oportunidades no sector agroalimentario galego”

A enxeñeira agrícola Gloria Bernárdez, membro do Colexio, participou recentemente nunha entrevista en RadioVoz Ourense na que abordou o presente e o futuro da profesión, así como o papel cada vez máis relevante das mulleres no sector agrario e agroindustrial galego.

Durante a conversa, Bernárdez subliñou que a Enxeñaría Técnica Agrícola ofrece múltiples oportunidades profesionais, moito máis alá das tarefas tradicionalmente asociadas á profesión.

“Se algo temos as persoas que estudamos enxeñaría agrícola é un abano moi amplo de posibilidades. Podemos dedicarnos á medición de fincas, ao deseño de proxectos agroindustriais, ao control de calidade, á innovación alimentaria… É unha carreira que che permite elixir o teu propio camiño profesional”, explicou.

A enxeñeira ourensá tamén animou ás mozas a considerar esta opción académica e profesional, destacando o seu papel clave no desenvolvemento sostible e na transformación do medio rural galego.

Outro dos temas centrais da entrevista foi a importancia da colexiación profesional, que Bernárdez definiu como unha ferramenta fundamental para o fortalecemento do colectivo.

“A unión fai a forza. Estar colexiados permítenos defender os nosos dereitos, acceder a formación continua e estar informados das novidades do sector”, sinalou.

Bernárdez destacou tamén o compromiso do Colexio con promover a visibilidade da profesión e con reforzar a colaboración coas administracións públicas, lembrando que Ourense é unha provincia con gran potencial agrícola, gandeiro e agroindustrial.

A entrevista completa pode escoitarse en RadioVoz Ourense, onde Gloria Bernárdez ofrece unha visión ampla e actualizada dun sector esencial para o futuro económico e social de Galicia.