COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

O Banco de Explotacións activarase esta semana para facilitar a transmisión de 140 negocios ata 2026

Esta semana, activarase o Banco de Explotacións, unha iniciativa destinada a promover a substitución xeracional no sector agrogandeiro galego e evitar o peche de explotacións. Este instrumento, previsto na Lei de recuperación da terra agraria, ten como obxectivo facilitar a transmisión de case 140 explotacións ata o ano 2026.

O Banco de Explotacións permitirá que os titulares que desexen cesar na súa actividade inscriban as súas explotacións, facilitando o contacto con persoas interesadas en asumir a súa xestión mediante arrendamento, permuta ou adquisición. Este proceso estará tutelado pola Administración autonómica a través da rede de oficinas rurais, onde calquera persoa interesada poderá informarse e recibir asesoramento.

Ademais, a Xunta lanzará unha convocatoria de axudas á cooperación para a sucesión de explotacións, cunha dotación de 2,1 millóns de euros para o período 2025-2029, destinada ás persoas cedentes das explotacións. As persoas cesionarias tamén poderán acceder ás axudas planificadas dentro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Para apoiar a posta en marcha do Banco, desenvolverase un visor público na páxina da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que permitirá localizar e visualizar as características das explotacións incluídas.