O pasado 5 de xuño, tivo lugar unha produtiva reunión na Xerencia Territorial do Catastro de Ourense, á que asistimos como entidade convidada en calidade de Punto de Información Catastral (PIC), xunto ao Colexio de Enxeñeiros Industriais de Ourense. O encontro tivo como obxectivo principal a actualización dos coñecementos e ferramentas que ofrece a sede electrónica do Catastro, así como o fortalecemento da colaboración entre institucións implicadas na tramitación e xestión catastral.
Durante a sesión, presentáronse e analizaron en detalle diversos recursos de gran utilidade, como a descarga de planos antigos ou o coñecemento e interpretación do mapa de xestión catastral, ferramenta clave para entender a situación administrativa das parcelas. Así mesmo, informouse sobre os cursos de formación dispoñibles a través da plataforma EDUCAT, que permiten afondar no manexo destas ferramentas e mellorar a capacitación técnica dos profesionais que traballan en contacto co Catastro.
Cómpre salientar o valor que teñen estas reunións de posta ao día, nas que se pon de manifesto a importancia da coordinación entre administracións e colexios profesionais. A través do convenio que nos acredita como punto PIC, refórzase o papel intermediador e facilitador das entidades colaboradoras, achegando o Catastro á sociedade e mellorando a eficacia dos trámites.
Este tipo de encontros son exemplo do bo facer institucional e do compromiso común por modernizar e mellorar os servizos públicos, facendo máis sinxela e transparente a relación da cidadanía co Catastro. Desde aquí, agradecemos a Manuel Junco Ruiz, xerente territorial a súa invitación e disposición ao diálogo construtivo.