COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Enxeñaría agrícola: Unha profesión que sementa futuro

O noso compañeiro e membro da Xunta de Goberno, Enrique González López,  participou como relator na charla organizada pola Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo baixo o título “O mundo profesional do enxeñeiro agrario”.

A sesión, dirixida ao alumnado dos últimos cursos do Grao en Enxeñaría Agraria, permitiu achegar á realidade laboral dunha profesión que desempeña un papel estratéxico no desenvolvemento económico e social de Galicia, especialmente no medio rural.

Durante a súa intervención, Enrique González salientou a importancia de implicarse activamente no Colexio Profesional, un compromiso que significa defender o futuro do rural, reforzar a imaxe da profesión e dar voz a todo o colectivo. Tamén destacou que formar parte da Xunta de Goberno abre a posibilidade de participar nas decisións comúns e traballar en favor da enxeñaría agraria.

Tamén fixo un percorrido pola súa traxectoria, compartindo experiencias e decisións profesionais que exemplifican a riqueza e diversidade de saídas laborais: desde o exercicio como profesional liberal, ata o traballo por conta allea en empresas do sector, pasando polo desempeño de funcións como persoal técnico na Administración Pública.

A través desta charla, quedou patente que a nosa titulación non só ofrece unha ampla variedade de oportunidades profesionais, senón que tamén permite contribuír directamente á sostibilidade, á innovación e ao futuro do medio rural galego.

Para o Colexio, este tipo de encontros constitúen unha ocasión única para estreitar lazos coa universidade, inspirar ás novas xeracións e amosar que detrás de cada proxecto agrícola, forestal ou ambiental hai profesionais formados, comprometidos e con vocación de servizo á sociedade.

A enxeñaría agrícola é moito máis que unha profesión: é un compromiso co territorio, coas persoas e co futuro. O Colexio seguirá traballando para que cada novo enxeñeiro ou enxeñeira atope neste colectivo un apoio, un espazo de encontro e unha oportunidade para facer visible a importancia dunha profesión imprescindible para Galicia.