O presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graduados Agrícolas de Ourense, Manuel Rojo, participou nunha entrevista en RadioVoz Ourense onde puxo en valor a importancia da profesión nunha provincia profundamente rural e afectada recentemente polos incendios forestais.
Durante a conversa, Rojo explicou que o Colexio ofrece apoio integral aos profesionais colexiados, desde asesoramento técnico e xurídico ata seguros de responsabilidade civil. “Como colexio profesional que somos, temos a representación de todos os enxeñeiros agrícolas da provincia. Ofrecemos asesoramento, defendemos a profesión, seguros de responsabilidade civil… estamos sempre co profesional”, sinalou.
Tamén salientou que actúan como guía para os novos titulados, orientándoos sobre as múltiples saídas laborais: desde proxectos de bodegas e gandarías, ata planificación do territorio, cooperativas agrarias ou coordinación de seguridade e saúde. “Cando unha persoa acaba na universidade e ten a titulación, moitas veces cústalle decidir a que rama se vai dedicar. A nosa é unha profesión moi extensa, temos desde redacción de proxectos de bodegas, granxas, ordenación do territorio, asesoramento a cooperativas… un campo moi amplo”, explicou. “Desde o colexio asesoramos todo o que se pode facer como recén titulado”, engadiu.
Ademais, destacou a colaboración activa coa sociedade, tanto a través de convenios con administracións como co catastro, xa que o Colexio funciona como punto de información catastral (punto PAE), xestionando documentación para cidadáns e administracións. “Temos un convenio con Catastro, somos un punto PAE, onde recollemos documentación, asesoramos…, especialmente con colexiados que se adican a temas catastrais”, indicou.
Ademais, lembrou que o Colexio, como organización pública que é, tamén recibe e xestiona queixas ou reclamacións da cidadanía: “Se hai algunha queixa sobre un colexiado, temos unha ventanilla para iso; é un servizo que nos obriga a lei e que se pode facer no propio Colexio”.
Rojo subliñou tamén a súa relación con diferentes administracións e entidades sociais: “Colaboramos con administracións, coa Deputación, coa Xunta, en temas lexislativos ou técnicos… tamén coa Universidade. Estamos colaborando con toda a sociedade que o solicita”.
Incendios forestais e recuperación do territorio
Un dos temas centrais da entrevista foi a recuperación tras os incendios forestais do pasado mes de agosto, que afectaron duramente á provincia. O presidente asegurou que reciben consultas constantes sobre como actuar nos terreos afectados, tanto a nivel forestal como en explotacións agropecuarias. “Tiveron afectación explotacións agropecuarias, pastos, terreos… todo iso hai que recuperalo, igual que o monte que ardeu”, apuntou.
“Estamos a recibir consultas e asesoramos sobre cal é a mellor maneira de recuperar eses terreos”, indicou, facendo fincapé na importancia de contar con profesionais cualificados nestes procesos. “Non se pode improvisar. É fundamental rodearse de profesionais que saiban como actuar nestas circunstancias”, advertiu.
Hortas urbanas: unha visión técnica
Outro punto curioso foi o debate sobre as hortas urbanas, que Rojo definiu como “máis un pasatempo ca unha produción real”. Con todo, recoñeceu que poden ser útiles: “Está ben como aproveitamento de espazo, en lugar de telo a monte, telo coidado, limpo. Como se fose un xardín, pero con temas agrícolas”.
Tamén comentou, con retranca, que desde o punto de vista técnico, este tipo de iniciativas teñen máis valor estético ca produtivo: “É máis un entretemento ou algo paisaxístico que unha produción agrícola real. Está ben como xoguete, como soe dicirse”.
Proceso electoral en marcha
No ámbito institucional, Manuel Rojo anunciou que o Colexio está actualmente en proceso electoral, coas eleccións previstas para o vindeiro 20 de decembro. “Convocamos eleccións segundo os nosos estatutos e as leis que nos amparan. É un proceso longo, con publicación do censo, sorteo de membros da xunta electoral…”, detallou.
Tras dúas lexislaturas (8 anos) como presidente, Rojo non poderá optar á reelección debido aos estatutos internos. “O presidente non se pode presentar. Levo dúas lexislaturas, oito anos, e agora tócalle a outro compañeiro”, afirmou. “Paso o relevo con tranquilidade, e seguirei colaborando co Colexio e coa profesión desde outro lugar”, engadiu.