O noso presidente Pepe Paz analizou a vendima, a colaboración coa Xerencia do Catastro e as novas accións formativas que prepara o Colexio nunha entrevista en Radio Voz na que abordou algúns dos asuntos que ocupan actualmente aos profesionais do sector agrario.
Paz analizou unha vendima marcada polo seu adianto e polo bo estado sanitario da uva, aínda que sinalou que as condicións non foron iguais en todas as zonas vitivinícolas. Tamén chamou a atención sobre a dispoñibilidade de persoal para traballar nas viñas, unha dificultade que considera importante de cara ao futuro.
O presidente do Colexio explicou que os cambios nas temperaturas e nos períodos de maduración están a influír nas características da uva e, en consecuencia, na elaboración dos viños. Neste contexto, destacou o traballo dos profesionais agrícolas tanto na viña como na adega: desde a elección de técnicas de cultivo e a xestión da auga ata os procesos de elaboración. Adaptarse ás novas condicións, indicou, require coñecemento técnico en cada etapa.
A entrevista permitiu abordar tamén a colaboración que o Colexio mantén desde hai anos coa Xerencia do Catastro. Paz salientou a utilidade desta ferramenta para identificar as parcelas e facilitar distintos trámites, especialmente nun territorio cunha propiedade moi fragmentada. A formación, a comunicación directa e a revisión conxunta das dificultades que xorden no traballo diario forman parte desta colaboración. Lembrou, así mesmo, que a información catastral non acredita por si soa a titularidade dunha propiedade.
Por último, avanzou que o Colexio está a traballar no deseño de novas accións formativas vinculadas ás necesidades actuais da agricultura, da gandaría e doutras actividades agrarias. O obxectivo é achegar aos profesionais formación útil e actualizada, con iniciativas que poidan desenvolverse tamén na provincia de Ourense.
Paz agradeceu a Radio Voz o espazo dedicado a estes temas e reivindicou a importancia de que o mundo rural estea presente no día a día da sociedade.