COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Achegar a profesión ás novas xeracións para construír o futuro do sector

O  presidente, Pepe Paz, e o vicepresidente, Manuel Rojo, mantiveron  unha reunión coa representación da Facultade de Ciencias, co obxectivo de explorar novas vías de colaboración e impulsar o coñecemento da profesión de enxeñeiro/a agrícola entre o alumnado.

O encontro tivo lugar no Decanato da Facultade de Ciencias, situado na planta baixa do Edificio Politécnico, e contou coa participación, en representación da Facultade, do decano, Pedro A. Araujo Nespereira, e da secretaria, María Flora Alonso Vega.

Durante a reunión abordáronse diferentes cuestións de interese común, especialmente relacionadas coa formación, a divulgación da profesión e a necesidade de achegar ao ámbito educativo a realidade actual do sector agroalimentario e do medio rural.

Un dos principais asuntos tratados foi a posibilidade de establecer futuras liñas de colaboración entre o Colexio e a Facultade, que permitan desenvolver actividades de divulgación, formación e orientación profesional. Neste sentido, púxose de manifesto a importancia de dar a coñecer entre o alumnado as diferentes oportunidades que ofrece a enxeñaría agrícola e o amplo abano de ámbitos nos que estes profesionais poden desenvolver a súa actividade.

Tamén se abordou a conveniencia de reforzar a presenza da profesión no ámbito educativo, especialmente nos centros de Formación Profesional e nos institutos. O obxectivo sería achegar aos estudantes unha visión real e actualizada da profesión, das súas funcións e das posibilidades de incorporación ao mercado laboral.

Desde o Colexio salientouse que a enxeñaría agrícola está estreitamente vinculada a sectores estratéxicos para a economía e o territorio, como a agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria, a xestión dos recursos naturais, o desenvolvemento rural ou a sustentabilidade. Así mesmo, destacouse a existencia de oportunidades profesionais en diferentes ámbitos e a necesidade de que estas saídas laborais sexan coñecidas polas novas xeracións á hora de elixir os seus itinerarios formativos.

A reunión serviu tamén para intercambiar impresións sobre as necesidades actuais do sector e sobre o papel que poden desempeñar tanto a universidade como o Colexio profesional na divulgación do coñecemento e na orientación dos futuros profesionais.

O Colexio  considera este tipo de encontros unha oportunidade para fortalecer a relación co ámbito universitario e educativo, favorecer o coñecemento da profesión e contribuír a achegar a realidade do sector agrícola e agroalimentario aos estudantes.

Ambas as partes manifestaron a súa disposición a seguir avanzando nesta liña e estudar novas iniciativas de colaboración no futuro.

Comparte este artículo

WhatsApp
Facebook