A conferencia afondou en cuestións esenciais sobre a complexa relación entre a sociedade europea e os sectores da agricultura e a gandería. Durante a súa intervención, Manuel Pimentel abordou temas críticos como a percepción negativa dos agricultores e gandeiros, a miúdo considerados, segundo el explicou, como «inimigos do medio ambiente» e «maltratadores de animais». Ademais, Pimentel sinalou o sentimento de abandono, desprezo e persecución que moitos destes profesionais experimentan na súa vida diaria.
Outro dos puntos clave da charla foi a análise das causas que están a provocar o aumento dos prezos dos alimentos, así como as posibles consecuencias que esta situación pode ter para o futuro da agricultura. A intervención de Pimentel permitiu abrir un espazo de reflexión sobre os retos do sector agrícola e gandeiro, destacando a urxente necesidade de traballar en solucións que garantan a sustentabilidade e a viabilidade económica nun contexto de cambio económico e climático.
O evento foi presentado por D. Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, e contou coa participación de representantes do ámbito agrícola, como o Secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense, quen subliñou a importancia de promover encontros coma este, que permiten debater sobre o presente e o futuro da agricultura.