O Colexio presentou as Xornadas do Viño 2026, que se celebrarán o vindeiro 4 de xullo no Salón de Actos do Arquivo Provincial de Ourense baixo o lema «Dende Ourense, pensando no viño».
Durante a presentación, o noso presidente Pepe Paz, destacou que esta iniciativa recupera o espírito das históricas Xornadas Agrarias, abrindo unha nova etapa de encontros técnicos que comeza co sector vitivinícola, un dos principais motores económicos da provincia de Ourense e clave para o desenvolvemento do medio rural galego. O obxectivo é consolidar este formato e estendelo nos vindeiros anos a outros ámbitos da enxeñaría agrícola.
As xornadas reunirán a destacados profesionais nacionais e internacionais para analizar os principais retos do sector. Entre eles, o Master of Wine Jonas Tofterup, que abordará a proxección internacional dos viños atlánticos; Emilia Díaz Losada, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, que tratará os novos cambios regulatorios en materia fitosanitaria; e Alejandro Parra Manzanares, de Tenomar Laboratorios, que presentará as técnicas máis avanzadas para a detección de fraudes mediante análises isotópicas e tecnoloxía IRMS.
O programa completarase cunha mesa redonda na que participarán os presidentes/xerentes das cinco Denominacións de Orixe de Galicia, que analizarán a situación actual e os desafíos de futuro da vitivinicultura galega.
Durante a presentación tamén interveu o enólogo e membro da Xunta de Goberno do Colexio, Pablo Estévez, quen destacou o papel do sector vitivinícola como motor económico da provincia e como ferramenta para favorecer a fixación de poboación e o desenvolvemento do medio rural.
O presidente do Colexio agradeceu a colaboración do Concello de Ourense, da Xunta de Galicia, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, das cinco Denominacións de Orixe galegas e das empresas patrocinadoras Tenomar e Dolmar, cuxo apoio fai posible a celebración desta primeira edición.
Coa celebración destas xornadas, o Colexio reafirma o seu compromiso coa formación continua, a transferencia de coñecemento e a creación de espazos de debate que contribúan ao fortalecemento dos principais sectores produtivos de Galicia.