COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Os curros de Manzaneda chegan a Granada

O noso compañeiro e membro de Xunta de Goberno,  Enrique González López, presentou a experiencia dos curros de Manzaneda como exemplo de conservación da paisaxe, prevención de incendios e xestión sostible do territorio.

O Colexio  estivo representado no IX Congreso de Territorios Pastoreados, celebrado na Estación Experimental do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) do Zaidín, en Granada, da man do enxeñeiro agrícola Enrique González López.

Durante o encontro, que reuniu especialistas, investigadores, administracións e profesionais vinculados á gandaría extensiva e á xestión do territorio, presentouse o traballo “Pastores dos Curros de Manzaneda: Que será dos nosos montes cando falten?”, unha reflexión sobre o valor do sistema tradicional de pastoreo existente no Macizo Central Ourensán e os retos que afronta ante o progresivo relevo xeracional.

A comunicación puxo en valor o papel que desempeñan os curros e os seus pastores na conservación da paisaxe, na protección da biodiversidade e na prevención dos incendios forestais. Ademais, destacou a importancia de preservar un coñecemento ancestral que forma parte da identidade cultural das montañas galegas e que constitúe unha ferramenta fundamental para a xestión sostible dos espazos naturais.

A participación neste congreso permitiu compartir a realidade dos montes de Manzaneda con representantes doutros territorios do Estado, así como coñecer experiencias innovadoras e boas prácticas relacionadas coa gobernanza local, o aproveitamento dos recursos naturais e a adaptación dos sistemas tradicionais aos desafíos actuais.

A presenza neste foro especializado reforza o compromiso coa divulgación do labor dos profesionais da enxeñaría agrícola e coa defensa de modelos de xestión do territorio que integren coñecemento técnico, sustentabilidade e patrimonio cultural.

Nun contexto marcado polo abandono do medio rural e polo incremento do risco de incendios forestais, experiencias como a dos curros de Manzaneda demostran que tradición e innovación poden avanzar da man para construír territorios máis resilientes e sostibles.