Que fai un Enxeñeiro Agrícola estudando acuíferos, deseñando captacións de auga ou aproveitando a enerxía térmica do subsolo? A resposta está na traxectoria profesional de José Ángel Cid, noso colexiado e socio fundador da consultora especializada en hidroxeoloxía e xeotermia Xeoaquis, cuxo traballo exemplifica a versatilidade e o amplo abano de ámbitos nos que pode desenvolver a súa actividade a enxeñaría técnica agrícola.
O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España dedicalle a súa sección “Colexiado do Mes”, na que Cid repasa o seu percorrido profesional e reflexiona sobre as oportunidades que ofrece a enxeñaría agrícola nun contexto marcado pola transición enerxética e pola xestión sostible dos recursos naturais.
Na entrevista, José Ángel explica como dúas decisións marcaron a súa carreira: estudar Enxeñaría Técnica Agrícola e especializarse posteriormente no ámbito da xeotermia e da hidroxeoloxía. Esta combinación de coñecementos permitiulle traballar en proxectos relacionados coa investigación do subsolo, o estudo de acuíferos, o deseño e legalización de captacións de auga ou o aproveitamento da enerxía xeotérmica para climatización e eficiencia enerxética.
A súa experiencia é tamén un exemplo da versatilidade da profesión. A formación dos enxeñeiros técnicos agrícolas integra disciplinas relacionadas co solo, a auga, o territorio, as instalacións e a xestión de recursos naturais, o que facilita a súa participación en ámbitos tan diversos como a planificación hidráulica, o regadío, os estudos hidroxeolóxicos ou o desenvolvemento de solucións enerxéticas renovables.
Outro dos aspectos destacados da conversa é a importancia de comprender e xestionar correctamente os recursos hídricos subterráneos. José Ángel subliña que os acuíferos constitúen unha reserva estratéxica de auga e lembra unha idea clave que tamén forma parte do debate técnico e normativo: a auga non debe ser considerada un recurso mineiro, senón un ben natural que require planificación, coñecemento científico e unha xestión responsable.
Ao longo da entrevista tamén se aborda o papel crecente da xeotermia como fonte de enerxía renovable. O aproveitamento do calor almacenado no subsolo permite desenvolver sistemas de climatización eficientes e sostibles, reducindo o consumo enerxético e as emisións. Neste contexto, a enxeñaría agrícola achega coñecementos fundamentais sobre o comportamento do solo, a hidroxeoloxía e a interacción entre o terreo e as instalacións enerxéticas.
Desde o Colexio de Enxeñería Agrícola de Ourense queremos felicitar ao noso colexiado por este recoñecemento e poñer en valor unha traxectoria profesional que reflicte o potencial da enxeñaría agrícola para contribuír a retos actuais como a xestión da auga, a sustentabilidade ambiental ou a transición cara a modelos enerxéticos máis eficientes.