COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Excelencia e o talento emerxente na Enxeñaría Agraria

O Colexio participou o pasado 19 de xuño no acto de graduación da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, celebrado no Salón de Actos do Edificio Politécnico. A presenza do Colexio nesta cerimonia responde á súa firme aposta por acompañar ás futuras xeracións de profesionais desde a súa etapa universitaria e por fortalecer os vínculos entre a Universidade e o exercicio profesional da Enxeñaría Agraria.

No transcurso do acto, o noso presidente Pepe Paz, fixo entrega do Premio “Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas” ao Mellor Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Agraria, así como do correspondente diploma acreditativo. O galardón foi concedido a D. Anxo Castro Prado polo traballo Avaliación de áreas invadidas por Acacia dealbata como potenciais sumidoiros de Hg”, realizado baixo a dirección das profesoras Dna. María Flora Alonso Vega e Dna. Andrea Parente Sendín.

A través deste premio, o Colexio recoñece o esforzo, a dedicación e a excelencia académica do alumnado, ao tempo que pon en valor a importancia da investigación e da innovación para afrontar os retos actuais do sector agrario e ambiental.

A participación neste tipo de actos constitúe unha das liñas de actuación estratéxicas da entidade, que considera fundamental manter unha presenza activa no ámbito universitario para achegar o alumnado á realidade profesional e dar a coñecer o papel que desempeña a organización colexial na defensa, representación e promoción da profesión.

Neste sentido, o Colexio continúa traballando para fomentar a colexiación entre os novos titulados, ofrecéndolles apoio nos seus primeiros pasos profesionais, acceso a formación continua, asesoramento especializado e integración nunha rede profesional que contribúa ao seu desenvolvemento laboral e persoal.

Desde o Colexio trasládase o parabén a Anxo Castro Prado polo premio recibido e ao conxunto do alumnado graduado, animándoos a afrontar esta nova etapa con ilusión, compromiso e vocación de servizo á sociedade desde o exercicio da Enxeñaría Agraria.