Demetrio Espinosa alerta do impacto das choivas torrenciais tras os incendios: “O exceso de auga nunca é bo; é un caldo de cultivo perfecto para problemas presentes e futuros”
O sector primario ourensán vive momentos “moi delicados”. Así o explicou o noso compañeiro, o enxeñeiro agrícola Demetrio Espinosa, nunha entrevista concedida a Radio Voz Ourense, onde analizou as consecuencias das intensas precipitacións das últimas semanas sobre un territorio xa castigado polos incendios do verán.
“Os incendios arrasaron arredor do 20% do territorio, en moitas zonas ambientalmente moi sensibles. E agora chega a auga, que é benvida, pero non así: en cantidades impresionantes e con efectos moi negativos”.
Solos anegados e nutrientes arrastrados
Campos completamente inundados, arrastre de terras fértiles, contaminación difusa e infraestruturas danadas. Ese é o balance que describe Espinosa tras semanas de choivas persistentes.
O técnico lembra un concepto clave para entender o que está a acontecer: a capacidade de campo, é dicir, a cantidade de auga que un solo pode absorber segundo a súa textura. Cando se supera ese límite, o solo deixa de reter auga e esta percola a capas máis profundas.
“É como unha esponxa que xa non pode absorber máis. A partir de aí, o problema é triple: as raíces quedan sen osíxeno e o cultivo morre; pérdense nutrientes fundamentais como nitróxeno, fósforo ou potasio; e créase un caldo de cultivo perfecto para patóxenos e enfermidades de solo”.
Nas zonas afectadas polos incendios, a situación agrávase. A perda de cobertura vexetal facilita o arrastre da materia orgánica superficial, provocando unha “desnaturalización do entorno e unha perda dos valores agronómicos”.
A Limia e as comarcas vitivinícolas, no punto de mira
O impacto non é igual en todos os cultivos. Espinosa distingue entre cultivos anuais —como a pataca ou os cereais— e plantacións permanentes, como viñedo, castiñeiro ou froiteiras.
Na comarca da A Limia, referencia no cultivo da pataca, hai parcelas que resultan nestes momentos “practicamente inaccesibles”.
Nos cultivos anuais, a solución pasa por esperar, drenar e rexenerar o solo de cara á próxima campaña. Pero nas plantacións permanentes o escenario é moito máis complexo.
“Se morre a plantación, non queda máis remedio que arrincar e empezar de cero. Iso supón cinco anos sen produción no caso do viñedo ou doutras especies arbóreas”.
Unha situación que pode afectar de cheo ás zonas vitivinícolas da provincia, onde cada hectárea perdida implica un impacto económico e social considerable.
Infraestruturas danadas: un problema estrutural
Máis aló das colleitas, as infraestruturas públicas e privadas tamén sofren as consecuencias.
Camiños rurais deteriorados, sistemas de rega por goteo destruídos, balsas danadas, traídas municipais afectadas polos sólidos en suspensión tras os incendios e sistemas de saneamento desbordados forman parte dun panorama complexo.
“Sen infraestruturas en bo estado hai encarecemento de custos, dificultade de acceso ás explotacións e perda de competitividade”.
Espinosa advirte de que, ademais dos plans ordinarios, serán necesarios programas específicos de recuperación en varias comarcas galegas, dado o volume de danos acumulados tras lume e inundacións.
Tempo, avaliación e planificación
A curto prazo, a única opción é esperar a que o nivel da auga baixe e os solos drenen.
“Agora non queda outra que agardar a que amaine. Despois tocará avaliar que cultivos son salvables e cales non”.
Desde o punto de vista técnico, o labor dos enxeñeiros agrícolas será clave tanto no asesoramento individual ás explotacións como na orientación ás administracións.
“Somos un colectivo que pisa o campo todos os días. Estamos para acompañar ao agricultor e ao gandeiro nos momentos bos e malos, e tamén para facer recomendacións claras ás administracións cando algo non funciona”.
Realismo e compromiso co rural
Lonxe do derrotismo, Espinosa aposta polo realismo e pola capacidade de recuperación do sector.
“Máis que negativos, debemos ser realistas. É unha situación grave, pero contamos con grandes profesionais na agricultura e na gandería que van loitar polo noso agro e polo noso rural”.
Finalmente, Demetrio Espinosa reiterou que os enxeñeiros agrícolas e o Colexio están ao servizo dos agricultores, gandeiros e das administracións públicas, ofrecendo asesoramento técnico, acompañamento no terreo e recomendacións profesionais para afrontar a recuperación tras os incendios e as inundacións.