COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

Convocadas as axudas para a incorporación de mozos agricultores e a modernización das explotacións agrarias

A Consellería do Medio Rural convocou novas axudas destinadas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria e á modernización das explotacións agrícolas e vitícolas. A medida forma parte do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027 e busca favorecer o relevo xeracional e mellorar a competitividade do sector agrario galego.

Unha das principais liñas da convocatoria é a destinada á incorporación de agricultores mozos. Trátase dunha axuda directa para iniciar a actividade agraria cunha contía base de 30.000 euros, que pode chegar ata os 70.000 euros no caso de cumprir determinadas condicións. A cantidade pode incrementarse con complementos adicionais, como 10.000 euros máis se a persoa solicitante é muller, se a explotación se sitúa nunha zona de montaña ou da Rede Natura, se se trata dunha explotación de agricultura ecolóxica ou se está constituída en titularidade compartida. No caso das explotacións intensivas, a contía máxima da axuda será de 30.000 euros.

O pagamento desta subvención realizarase en dúas fases: un 60 % aboarase no momento da aprobación da axuda e o 40 % restante unha vez que se cumpra o plan empresarial presentado pola persoa beneficiaria.

A convocatoria inclúe tamén axudas destinadas a investimentos nas explotacións agrarias co obxectivo de mellorar ou modernizar as instalacións. Entre as actuacións subvencionables inclúense a compra de maquinaria agrícola, a realización de novas plantacións ou melloras nos viñedos, a construción ou reforma de instalacións agrarias, a implantación de sistemas de rega máis eficientes ou actuacións para mellorar a eficiencia enerxética das explotacións. Tamén se contempla a compra de terras, ata un máximo do 10 % da inversión total.

Estas axudas concederanse mediante o sistema de concorrencia competitiva, polo que as solicitudes serán avaliadas e priorizadas segundo distintos criterios. Entre os aspectos que poden incrementar a puntuación atópanse que a explotación estea situada nunha zona de montaña, que sexa ecolóxica, que a persoa solicitante sexa muller, que resida na mesma comarca ou que a explotación teña consideración de prioritaria. Tamén se valorará a solicitude simultánea de axudas para realizar investimentos.

Para poder acceder ás subvencións, as persoas solicitantes deberán instalarse como xefes ou xefas da explotación, presentar un plan empresarial e comprometerse a manter a actividade agraria durante varios anos, ademais de cumprir cos obxectivos establecidos no proxecto presentado. 

En total serán 53 millóns de euros para apoiar a incorporación de mozos ao campo e a modernización das explotacións agrarias