COLEXIO OFICIAL DE ENXEÑEIROS TÉCNICOS E GRADUADOS AGRÍCOLAS DE OURENSE

A Enxeñaría Agrícola reforza a súa versatilidade profesional en contornas técnicas e rurais

A Enxeñaría Técnica Agrícola consolídase en Galicia como unha profesión clave para o desenvolvemento do sector agroalimentario e do medio rural, cunha elevada empregabilidade e unha ampla variedade de saídas profesionais. Así o reflicten os datos recompilados durante 2025 polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España (CGCOITAE) a través da súa bolsa de emprego e da rede de colexios territoriais.

As ofertas de traballo recollidas ao longo do ano amosan o carácter multidisciplinar do perfil do Enxeñeiro Técnico Agrícola, con presenza tanto en contornas rurais como industriais e periurbanas. Entre os ámbitos máis demandados atópanse o asesoramento técnico de cultivos, a redacción e dirección de proxectos, a xestión medioambiental, a tramitación de axudas, o control de calidade na agroindustria, a consultoría, as peritaxes e a formación especializada.

Durante 2025, a bolsa de emprego do Consello difundiu máis de 2.500 ofertas dirixidas a titulados en Enxeñaría Técnica Agrícola en todo o Estado. Andalucía, Madrid e Cataluña lideraron o volume de oportunidades, seguidas de Castela e León, Comunidade Valenciana e Galicia, o que confirma o peso do perfil profesional tamén na comunidade galega, onde o sector primario e agroindustrial ten un papel estratéxico.

“O valor da Enxeñaría Técnica Agrícola está na súa versatilidade. A nosa titulación habilita legalmente para unha gran variedade de funcións, desde a redacción de proxectos ata a dirección de explotacións, o deseño de sistemas de rega, a consultoría ambiental, a industria agroalimentaria ou a valoración de danos e seguros agrarios. Isto convértenos nun perfil imprescindible para o presente e o futuro do sector”, sinala Carlos Gutiérrez, presidente do CGCOITAE.

En paralelo, a evolución académica tamén é positiva. Segundo o III informe do INGITE, a Enxeñaría Agrícola é unha das poucas ramas da enxeñaría que mantén unha tendencia ascendente: as matriculacións aumentaron un 8,32% na última década, a incorporación de mulleres medrou un 5,86% e o número de egresados incrementouse un 3,27%. Ademais, máis do 87% dos títulos son habilitantes, o que permite o exercicio profesional directo sen necesidade de cursar másteres adicionais.

O Consello lembra tamén que a colexiación é obrigatoria para exercer como Enxeñeiro Técnico Agrícola, garantindo así o respaldo técnico, xurídico e ético dos profesionais. A través dos colexios, os enxeñeiros teñen acceso a formación continua, visado de traballos, asesoramento especializado e unha bolsa de emprego activa adaptada ás necesidades do sector.

En Galicia, onde a modernización do rural, a sustentabilidade e a competitividade agroalimentaria son retos prioritarios, a figura do Enxeñeiro Técnico Agrícola consolídase como un piar fundamental para impulsar proxectos, mellorar explotacións e favorecer o desenvolvemento económico do territorio.