novas
A xunta directiva do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas reúnese na Deputación de Ourense
Observatorio do Medio Rural entre outros Temas

Ourense, 23 de novembro do 2018. A xunta directiva do Colexio provincial de enxeñeiros técnicos agrícolas de Ourense celebrou unha sesión deste órgano na sala de xuntas da Deputación de Ourense, á que asistiu o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar. Na reunión analizouse a proposta do presidente da Deputación realizada á directiva dos enxeñeiros na visita que realizou recentemente á sede desta entidade colexiada, onde propuxo a posta en marcha dun “Observatorio do Rural”, plataforma que terá como obxectivo analizar mercados, competitividade, perspectiva de emprego e proxectos de innovación para o Agro Ourensán.
Baltar expresou “a disposición de máxima colaboración” por parte da institución provincial co colexio oficial de enxeñeiros agrícolas de Ourense, para desenvolver conxuntamente “iniciativas baseadas en políticas innovadoras que supoñan seguir modernizando o agro na provincia de Ourense”, e explicou unha das dez medidas que, a título persoal, presentou no pasado debate do estado da provincia, referida ao sector forestal ourensán, que consiste na negociación e estudio entre administracións públicas e entidades privadas para situar nun concello da provincia o “Centro Tecnolóxico Forestal” para a explotación racional do monte e a súa dinamización, na liña do Observatorio do Medio Rural que prevé poñer en marcha a Deputación coa colaboración da Universidade de Vigo e dos profesionais do sector.
Na reunión dos enxeñeiros no Pazo Provincial participaron o presidente e o secretario desta entidade profesional, Manuel Rojo e Miguel Ángel Viso, e membros da xunta directiva, xuntanza na que analizaron a situación actual deste colectivo, integrado na provincia de Ourense por máis de trescentos profesionais, que destaca a necesidade de contar cun maior apoio por parte da administración para que técnicos que viven no rural poidan desenvolver proxectos no seu ámbito de actuación.
© Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense - Todos os dereitos reservados - AVISO LEGAL
C/ Cardenal Quevedo n° 25, entlo. Izda. 32004 Ourense Telf. e Fax: 988 239 521
E-Mail: colegio@agricolasourense.com 
